|
A fibromialxia é unha enfermidade reumática crónica caracterizada por dores músculo – esqueléticos xeneralizados e fatiga, a palabra fibromialxia significa “dor nos músculos, ligamentos e tendóns” (partes fibrosas do corpo).
As persoas aqueixadas de fibromialxia din que “lles doe todo”. Notan os seus músculos fortemente doridos, acompañado dunha sensación de quemaizón ou fatiga muscular.
Hoxe en día a fibromialxia diagnostícase seguindo os seguintes criterios (considerados insuficientes por algúns especialistas):
- Dor cando se presiona en ó menos 11 dos 18 puntos sensibles situados de modo especifico ó longo do corpo (lado dereito e esquerdo do corpo, por encima e por debaixo da cintura e no esqueleto axial).
- Dor xeneralizado e crónico de mais de 3 meses de duración, descartando a existencia doutras patoloxías.
Os síntomas asociados á fibromialxia son: DOR, FATIGA, TRASTORNOS DO SONO, SÍNDROME DO INTESTINO IRRITABLE, OUTROS SÍNTOMAS (dor torácica, rixidez matutina nas articulacións, alteracións na memoria, mareos, sequidade de ollos e de boca, calambres musculares, vexiga orina irritable).
No 100 % dos afectados aparecen dor crónica e cansazo, e en mais dun 75 % alteracións do sono. Pero a dor é unha dor inhabilítante e un cansazo extenuante. Unha dor ó que algúns afectados/as refírense como “queimazón”, outras como punzante..e que sumado ó cansazo chega a impedir os movementos más sinxelos, imposibilitando a execución incluso das actividades normais.
Aféctalle aproximadamente a un 5-6% da poboación. O 90 % das pacientes son mulleres de idades moi variadas, pero dáse unha especial incidencia entre os 20 e os 60 anos.
A causa da fibromialxia é descoñecida. Coñécense algúns desencadeantes como infeccións (virais ou bacterianas), un accidente ou outra enfermidade simultánea, como artrite reumatoide, lupus ou hipotiroidismo. Estes desencadeantes probablemente non causan a fibromialxia senón que parecen espertar algunha anomalía fisiopatolóxica latente que xa estaba presente nos pacientes.
Na actualidade non existe tratamento ningún que produza a curación definitiva; procuran, sobre todo, mellorar a calidade, de vida, do sono e aliviar a dor. En xeral, os resultados a longo prazo do tratamento farmacolóxico son pouco efectivos. Sen dúbida, o máis eficaz no tratamento é realizar exercicio físico moderado para contribuir a unha adecuada fortaleza muscular. Esta fortaleza haina que conseguir pouco a pouco (pasear, nadar nunha piscina climatizada, bailar...). As masaxes relaxantes, os exercicios de estiramento muscular, a calor local...poden axudar. Cada vez con máis frecuencia os pacientes están descubrindo que poden mitigar as dores por medio de tratamentos alternativos coma ioga, tai chi, acupuntura, dieta alimentaria, cura en balnearios, etc. Dende o punto de vista psicolóxico, estímase que a aplicación do método cognitivo-comportamental, baseado en técnicas de relaxación e de reducción do estrés, é importante, pois ofrécelle á persoa "pautas de convivencia" con esa patoloxía. Tamén é importante traballar ca persoa afectada a aceptación da enfermidade así como traballar ca familia aspectos que rodean á enfermidade.
Debido a que dende a Unidade Psicosocial prestamos os nosos servicios a nivel psicolóxico á delegación da asociación de fibromialxia de Ordes, queremos acercar esta enfermidade descoñecida e incapacítante á poboación de Ordes.
|