| ¡COIDADO COA INFORMACIÓN! |
|
Cada vez que calquera persoa lea un artigo, escoite a outro/a, etc., sobre calquera tema referente á saúde psicolóxica (por exemplo: sobre a depresión, drogas, educación dos fillos/as...) debe interpreta-lo con moita cautela porque, ou ben se está dando información dos temas de maneira xenérica, ou cando alguén nos conta algo semellante, por moi parecido que sexa NUNCA é exactamente o mesmo e é perigoso comparar e tratar de actuar calcando sen máis. Todo isto é porque en cada situación debemos personalizar, é dicir, dúas persoas aínda cun mesmo diagnóstico (por exemplo: depresión) poden requirir unha estratexia moi dispar e o que pode resultar bo para unha, para outra non tanto. Por iso, a información debe servir para orientarnos pero non para copiar sen máis ou para condicionarnos.Un exemplo que pode condicionar moito á xente é cando se precisa tomar medicación. As persoas poden compararse con outras que a están tomando desde fai moitos anos e pensar que poden acabar “durmidas ou atontadas”; cando esto pasa é porque a persoa só está con medicación e sen terapia, o que fai que se lle alivien os síntomas pero non serva para afrontar as situacións que lle causen malestar, ademais pode pasar tamén que esa medicación se tome sen seguir axeitadamente as pautas do/a profesional que a receitou. Outro exemplo é a comparación que se pode facer coa reacción doutras persoas ante un mesmo suceso (por exemplo: morte dun/ha familiar). Porque unha persoa poida responder a ese feito tratando de relacionarse cos demais, etc., non significa que esa dor sexa menor que outra que chora moito. Cada persoa debe “mirar dentro” de si mesma e reflexionar sobre os pasos que é bo dar para xestiona-lo seu problema.
Dolores García. Psicóloga da Unidade Psicosocial do Concello de Ordes. |
| < Anterior |
|---|










